Historias nómades: Cando chegaron as ratas

Sempre é de noite e sempre chove e todo é ferruxe na cidade. A cidade cuspindo fume, pingando auga podre por tuberías fendidas. Mentres, a xente desfarrapada sobrevive quecendo as mans ao redor dunha fogueira nun vello bidón de gasolina. É a cidade-estado corrompida, decadente, ferida de morte.

Contan os máis vellos lendas de esplendores pretéritos. E falan gozosos de primaveras e parques e fragas e peixes e pan e traballo e pupitres e rapaces a rir e praias bonitas como peitos de muller. Pero todo deu en morrer cando chegaron as ratas.

No principio eran poucas as ratas. Eran ratas horribles de sumidoiro, de cola encarnada, pero eran poucas ratas. E todos se acostumaron a vivir ao seu lado como se tal cousa. Pero xa se sabe que a rata é voraz e todo lle vale para alimentarse. E así foi que se multiplicaron como peste bíblica e de todo se apoderaron. A rata é infecciosa e contaxia de contado o seu endémico mal. E en pouco tempo foi dona da cidade enteira. As ratas gobernaron os bancos. Rillaron o vil papel moeda e transmitiron a peste a quen o tocaba. As ratas fixéronse señoras da enerxía e controlaron os subministros en rexime servil. Dominaban entes, servizos. Dominaban a administración e os mercados. Dominaban os medios de comunicación. A clase rilladora converteuse en caste absoluta dun pobo infectado. Un pobo afónico até perder a voz. O pobo mudo na cidade silente.

As consecuencias por trabadela de rata de sumidoiro non son letais a curto prazo. Xeran trastorno colectivo, inmunidade social, cegueira e nalgúns casos lastimeiros, irresistibles impulsos de felación á rata alfa. A neuropsiquiatría observa nestes casos o desexo latente do felador por desclasarse e converterse en rata. Popularmente son coñecidos como as novas ratas.

A cidade adormece envolta en fume tóxico. As mandas de mendigos acubíllanse nos garaxes e beirarrúas e toda a paisaxe é detrito baleiro. No fondo dun carreiro, un rapaz guinda unha pedra e mata unha rata. Amence, e inusitadamente, sae o sol. Un sol fermoso como unha revolución.

[Publicado en http://www.quepasanacosta.com 0 09-04-2012]

Esta entrada foi publicada en historias nómades. Garda a ligazón permanente.